A Xunta volveu a reunirse este venres co seu comité asesor de expertos clínicos para analizar a evolución epidemiolóxica da comunidade e determinar cales serán os seguintes pasos a dar na desescalada, que entrarán en vigor o luns.
Segundo informou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, a maior parte da área sanitaria de Pontevedra pasa ao nivel medio de restricións. Excepto os concellos de Cambados, Ponte Caldelas e Vilanova de Arousa, que quedan no nivel alto, e Soutomaior que segue no nivel máximo.
O cambio na situación dos concellos será efectivo o luns ás 00.00 horas e este mesmo venres sairá publicado o Diario Oficial de Galicia correspondente.
O nivel medio é o máis flexible ata o de agora. Implica a posibilidade de desprazarse a municipios do mesmo nivel, é dicir, rompe o peche perimetral. Ademais, permítese a reapertura da hostalería en terraza con aforo do 50% e en interior con 30% de aforo, sempre cun horario ata as 18:00 horas.
A reunións sociais, pola súa banda, mantéñense co límite de ata catro persoas non conviventes e o comercio debe pechar como máximo ás 21:30 horas
Outros aforos deste nivel medio supoñen nos lugares de culto: un terzo da súa capacidade máxima; velorios: 5 persoas por túmulo salvo conviventes e 15 en espazos abertos; enterros ou despedida para a cremación: 15 persoas non conviventes; bibliotecas e arquivos, museos, salas de exposición, monumentos e outros equipamentos culturais: 30% da súa capacidade máxima permitida; cinemas, teatros, auditorios, congresos: 30% da súa capacidade máxima permitida. Límite de 250 persoas en locais pechados e 500 persoas en locais ao aire libre. O público deberá permanecer sentado. .
A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, sinalou que no caso da comarca de Pontevedra apréciase melloría con independencia da presión asistencial. En Pontevedra consolídase a caída de incidencia a 7 días de 88,9 a 31 e de 174 a 120 en 14 días.
Do mesmo xeito que Pontevedra equipárase co resto de Galicia, tamén boa parte da área sanitaria da Coruña baixa ao nivel medio. Desta forma as persoas que residan nalgunha destas dúas áreas sanitarias verán estendida a súa mobilidade por toda a comunidade autónoma.
A partir do luns quedarán catro concellos en nivel máximo, Soutomaior, Boborás, A Mezquita e A Pobra do Brollón. Trece concellos estarán en nivel alto (Miño, Ponteceso, Sobrado dos Monxes, Arteixo, Cambados, Ponte Caldelas, Vilanova de Arousa, Guitiriz, Lourenzá, Paradela, Mos, Cariño e Mugardos).
No resto de Galicia aplicarase o nivel medio, neste caso con mobilidade e hostalería aberta ata as 18.00 horas tanto en interior como en exterior.
"NON PENSEMOS QUE POR ESTAR NO EXTERIOR O RISCO É CERO"
García Comesaña instou a non baixar a garda xa que "estamos nunha situación crítica" cunha ocupación hospitalaria aínda importante e hai unha predominancia do 80 % da cepa británica.
O conselleiro de Sanidade subliñou que estas medidas deben cumprirse estritamente e referiuse ao caso da hostalería "non pensemos que por estar no exterior o risco é cero. O risco non é cero".
O xerente do Sergas, José Flores, anunciou que a actividade cirúrxica recuperarase ao 100 % entre esta semana e a que vén.
A situación asistencial, segundo resumiu, mostra unha melloría reseñable con 3.700 persoas nos seus domicilios, controlados por Atención Primaria. Os servizos de urxencias manteñen unhas cifras basales de atención, e en canto ao circuíto covid, están á baixa, con niveis por baixo do 20 % en todos os hospitais. Tamén cae a ocupación hospitalaria. No caso da área de Pontevedra os hospitais permanecen en fase 2 do plan de continxencia.