Sanidade presume de que "cumpre coas súas promesas" co regreso da ambulancia do 061 de Sanxenxo a Vilagarcía

O Salnés
03 de setembro 2024
Actualizado: 15:55

Antonio Gómez Caamaño supervisou no Hospital do Salnés o remate das obras de ampliación e mellora da base da ambulancia medicalizada do Salnés. Estas obras eran unha "débeda pendente" para "mellorar a calidade de vida dos traballadores" e deulles as grazas pola "paciencia"

Estrea da base renovada do 061 no Hospital do Salnés Consellería de Sanidade

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, confirmou este martes que a ambulancia medicalizada do 061 que durante o verán se trasladou a Sanxenxo volve operar desde a base do Hospital do Salnés, en Vilagarcía de Arousa. 

Durante a polémica xurdida polo traslado desa ambulancia, desde a Consellería de Sanidade afirmaran que regresaría en setembro e "está aí", de maneira que o conselleiro usou este dato para presumir de que "a Xunta cumpre coas súas promesas".

Antonio Gómez Caamaño realizou estas afirmacións durante unha visita ao Hospital do Salnés, onde supervisou o remate das obras de ampliación e mellora da base da ambulancia medicalizada do Salnés.

Na visita tamén participaron o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, o xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, o xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores, e o director da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Román Gómez.

Estas novas instalacións son resultado dun investimento de 155.000 euros e melloran o lugar que ocupan os médicos, enfermeiros e técnicos sanitarios do 061 do Salnés, con catro dormitorios, unha sala de reunións, vestiarios diferenciados por sexo e un almacén. 

O conselleiro aproveitou a visita para destacar que estas obras eran unha "débeda pendente" para "mellorar a calidade de vida dos traballadores" e deulles as grazas pola "paciencia que tiveron todo este tempo".

Tamén quixo poñer en valor o labor fundamental do 061 e dos seus profesionais, "unha das xoias da coroa" da sanidade pública galega, e trasladou o seu "agradecemento absoluto" ao seu "compromiso, adicación e xenerosidade" as 24 horas do día os 365 días do ano.

O CONCELLO, INDIGNADO

O Concello de Vilagarcía considera que as declaracións realizadas polo conselleiro resultan "totalmente indignantes". Así, lamenta que retiraran a ambulancia durante os meses de verán, "cando se incrementa notablemente a poboación e soben o número de incidencias sanitarias" e que agora o conselleiro se trasladara "con todo o seu séquito" a "vendernos o "gran logro" de que a ambulancia regresou en setembro".

O goberno local de Vilagarcía esixe á Xunta de Galicia que corrixa esta situación, mantendo a ambulancia medicalizada en Vilagarcía os 12 meses do ano para que non volvan producirse situacións tan dramáticas como a da atención ao rapaz accidentado co seu patinete, que ante a ausencia de vehículo con médico e equipos de soporte vital avanzado, a Policía Local tivo que ir recoller no coche patrulla aos facultativos do PAC.

Tamén lamenta que esta situación de desprotección na que a Xunta mantén a Vilagarcía en verán "conte co beneplácito do PP local, cuxo grupo municipal nin sequera foi quen de respaldar a moción que o grupo socialista levou a Pleno en febreiro demandando a permanencia da ambulancia medicalizada".