A Consellería de Sanidade notificaba a últimas horas da tarde deste domingo 17 de xaneiro o falecemento de nove persoas en Galicia diagnosticadas por coronavirus. Na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés perdía a vida unha muller de 78 anos, que se atopaba ingresada no Hospital Montecelo.
Con esta nova morte, a cifra de persoas falecidas nesta área sanitaria da provincia elévase a 91. É o segundo falecemento que se produce en Montecelo esta fin de semana, despois de que, este sábado, Sanidade anunciara a morte dun paciente de 66 anos no mesmo centro hospitalario.
Ademais deste deceso, hai que sumar a morte na provincia dunha muller de 89 anos, que perdía a vida no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, procedente da Residencia Paz y Bien de Tui.
O resto de falecidos durante as últimas horas por coronavirus son dous homes de 85 e 74 anos, que morrían no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago; unha muller de 84 e un home de 88, no Complexo Hospitalario de Ferrol; un home de 94 e unha muller de 93 anos, no Complexo Hospitalario da Coruña e un home de 92 anos, no Hospital Virxe da Xunqueira de Cee.
Todas as persoas que faleceron nestas últimas horas contaban con patoloxías previas ao diagnóstico por covid-19, segundo informan desde o Servizo Galego de Saúde.
O número de persoas falecidas en Galicia desde que se teñen datos desta enfermidade ascende xa a 1.512 persoas.