Sanidade negociará cos comuneiros de Mourente polos terreos de Montecelo

Pontevedra
08 de febreiro 2019

Fontes de Sanidade recoñecen a PontevedraViva que "xa hai negociacións" cos comuneiros de Mourente para atopar a mellor fórmula para executar a sentenza. Así, os servizos xurídicos da Xunta tratan de "definir" que tipo de instrumento legal empregarase para avanzar cara un posible acordo

Hospital Montecelo Mónica Patxot

O futuro de Montecelo pasará, irremediablemente, por unha negociación entre a comunidade de montes de Mourente e a Consellería de Sanidade. A decisión do Tribunal Supremo, que elevou a firme a sentenza que outorga aos comuneiros a titularidade dos terreos nos que se asenta o actual hospital, obrigará a ambas as partes para chegar a un acordo.

Fontes de Sanidade recoñecen a PontevedraViva que "xa hai negociacións" cos comuneiros de Mourente para atopar a mellor fórmula para executar a sentenza. Así, os servizos xurídicos da Xunta tratan de "definir" que tipo de instrumento legal empregarase para avanzar cara un posible acordo.

"Non hai unha decisión definitiva sobre este asunto", explican desde a consellería.

En todo caso, Sanidade aclara que esta situación non afecta "para nada" á ampliación do hospital, xa que o litixio afectaría tan só ás instalacións actuais e non ao futuro edificio que se construirá para completar o complexo. Tampouco producirá atrasos, engade o goberno galego, na tramitación administrativa do proxecto.

Pola súa banda, o Concello de Pontevedra tamén reaccionou ante esta sentenza, na que se condena á Seguridade Social -organismo que cedeu no seu día os terreos á Xunta para construír o hospital-. Fíxoo para felicitar á comunidade de montes de Mourente pola súa vitoria nos xulgados e a súa defensa do monte comunal.

Ademais, avogan porque ambas as dúas partes alcancen un pronto acordo que permita regularizar a situación do hospital, facilitando ao mesmo tempo as ampliacións proxectadas e que considera imprescindibles para a mellora da sanidade pública na área sanitaria de Pontevedra.