A Consellería de Sanidade recoñece a súa preocupación pola situación epidemiolóxica de Marín, que xa se atopa no nivel alto de restricións desde hai días, e mantén á localidade nun seguimento especial para analizar a evolución da enfermidade.
Esta preocupación xustifícase polas cifras que deixa a localidade desde hai días. Así, ten unha incidencia acumulada a 7 días de 235 casos por cada 100.000 habitantes e a 14 días, de 400.
Ademais, segundo os datos facilitados pola directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, nos últimos 7 días detectáronse 57 novos casos, dos que 20 eran pacientes asintomáticos con covid-19 que que foron detectados en cribados poboacionais realizados por Sanidade.
Carmen Durán referiuse a esa preocupación este mércores na rolda de prensa na que deu conta das decisións do comité clínico de expertos sanitarios que asesora á Xunta de Galicia na xestión da pandemia. Explicou que está "moi pendentes" desta localidade.
Para controlar a pandemia, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, fixo un chamamento este mércores á cidadanía para que manteña o uso de máscara e a distancia social e aposte por relacionarse en espazos ao aire libre, pois a enfermidade aínda non está controlada, e, aínda que son "conscientes da fatiga pandémica", lembran á poboación que "temos que seguir insistindo".
O conselleiro de Sanidade indicou que Galicia mantense nunha situación de meseta en canto á evolución da cuarta onda mentres que Carmen Durán indica que esta "estabilidade" tamén está acompañada de "certa tendencia crecente" nas últimas dúas ou tres semanas.
Así, as áreas sanitarias galegas móvense en cifras de incidencia acumulada a 7 días de entre 47 e 50 casos por cada 100.000 habitantes e a 14 días de entre 95 e 99. Este mesmo martes, a cifra exacta era 59 e 97,86, respectivamente. A IA media galega supón a metade da rexistrada no conxunto de España, que se sitúa en 95 a 7 días e 233 a 14 días.
Segundo as cifras facilitadas por Carmen Durán, a taxa de positividade sitúase en 2,46%, lixeiramente superior aos 2,40% de hai unha semana, aínda que é "un indicativo máis de estabilidade".
O xerente do Sergas, José Flores, tamén fala de estabilidade na situación dos hospitais galegos, nos que se vive situacións de oscilación, con incrementos e reducións continuos dun día para outro. A situación asistencial implica unha ocupación do 2,20 % da capacidade máxima dos hospitais, de modo que a situación permite certo "optimismo".
En canto á situación das variantes, é "parecida" á semana pasada, con 240 casos da variante británica, 27 de surafricana -14 informados, pero pendentes de corroboración por secuenciación- e 24 de brasileira -23 brasileira P1 e un caso de P2-. A variante británica supón o 93% de todos os casos.