Sanidade explica as novas restricións: "Temos que ir cara á creación de familias burbulla"

Pontevedra
21 de outubro 2020

Os expertos do comité clínico apuntan a que "vemos unha tendencia crecente nos últimos 4 ou 5 días" e preto do 90 % dos brotes detectados son familiares ou de contornas de confianza, por iso é polo que se optou por reducir as interaccións sociais: "Nos estamos contaxiando nesas situacións nas que nos relaxamos un pouco" 

Test de covid-19 Xunta de Galicia

As novas restricións que se aplicarán en toda Galicia a partir da medianoite deste mércores a este xoves están encamiñadas a frear unha evolución da pandemia que ata o de agora mantén a Galicia entre as 5 comunidades con menor incidencia do Estado, pero empeza a xerar preocupación porque, segundo a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo, "vemos unha tendencia crecente nos últimos 4 ou 5 días"

Carmen Durán explicou que as medidas se tomaron con "anticipación" e "proporcionalidade" ao número de casos e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, deu a clave de por que as dúas principais medidas son poñer a toda Galicia en nivel 2 de restricións e limitar as reunións sociais a un máximo de cinco persoas: preto do 90 % dos brotes detectados en toda Galicia son brotes familiares ou de contornas de confianza, "por iso se tomou a medida de limitar interaccións sociais".

Comesaña e Durán compareceron na mañá deste mércores ante os medios de comunicación acompañados por varios membros do comité clínico creado para facer seguimento á pandemia da covid-19 para explicar estas novas medidas. É, segundo a responsable de Saúde Pública, bo momento para tomar medidas", e, segundo o conselleiro, o momento idóneo porque a situación "aínda non é preocupante", pero si se nota que a situación asistencial nas áreas sanitarias esixe actuar. Así, é positivo que hai unha porcentaxe moi alta de pacientes nos seus domicilios, pero tamén hai un 6% de hospitalizados ou críticos. 

O doutor Sergio Vázquez, membro do comité, constatou que en todas as comarcas de grandes cidades "estamos a notar ese incremento" e, para frealo, son necesarias medidas "dirixidas a reducir as interaccións sociais" a todos os niveis. Por unha banda, defende que " temos que ir cara á creación de familias burbulla", pero non se esquece de "insistir na responsabilidade individual e colectiva"

O doutor Pedro Rascado, tamén membro deste comité de expertos, lembra que as medidas "non se fan de maneira aleatoria", senón analizando a evolución dos casos e en Galicia constatouse que "nos estamos contaxiando nesas situacións nas que nos relaxamos un pouco". Este especialista recoñece que están "preocupados" e pide tamén maior implicación social. Chama, así, á "reflexión" de toda a cidadanía de cantas veces ao día sacámonos a máscara cando deberiamos levala posta, porque, cada vez que se fai este xesto, créase unha situación de risco. 

"Estamos nunha pandemia e non podemos mirar para outro lado", insiste o doutor Rascado, que, como o resto de especialistas, pon o foco nas reunións de familias e amigos e quere aclarar que non busca "culpabilizar" a ninguén, senón analizar a realidade que se está dando

O conselleiro de Sanidade relatou casos de contaxios detectados, por exemplo, en Carballiño, de persoas tomando café nunha cafetería e, pese ao panorama de novas restricións, tamén mostrou un panorma optimista, pois "se as medidas se cumpren a situación mellora, como se ve en Ourense". Nesta localidade, a situación epidemiolóxica está a remontar. 

BROTE EN ONCOLOXÍA

Na rolda de prensa deste mércores, o conselleiro referiuse, a preguntas dos medios, ao brote de covid-19 detectado na unidade de Oncoloxía do Hospital Provincial de Pontevedra, que, segundo fontes consultadas por PontevedraViva afecta a oito persoas: seis pacientes, unha enfermeira e a acompañante dun dos pacientes. A orixe deste brote estaría na persoa que acudiu ao hospital para acompañar a un dos pacientes.

O conselleiro recoñeceu que o dato exacto de profesionais contaxiados "non o temos" e limitouse a asegurar que o servizo de Medicina Preventiva "está a tomar todas as medidas" e desde a Consellería "confiamos na labor do servizo".