Sanidade estuda que a atención médica en Cerdedo sexa polas tardes

Cerdedo-Cotobade
04 de outubro 2022

Así llo avanzou este martes o xerente da área sanitaria de Pontevedra, José Flores, ao alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela. Ambos mantiveron un encontro técnico no Hospital Montecelo para analizar a situación sanitaria desta localidade

Xuntanza de Jorge Cubela co xerente da área sanitaria, José Flores

Prestar atención médica na franxa de tarde é unha das alternativas que estudan as autoridades sanitarias para garantir a cobertura no centro de saúde de Cerdedo.

Así llo avanzou este martes o xerente da área sanitaria de Pontevedra, José Flores, ao alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela. Ambos mantiveron un encontro técnico no Hospital Montecelo para analizar a situación sanitaria desta localidade.

Esta posible atención médica pola tarde sería unha medida que Sanidade podería poñer en marcha no caso de non poder dispoñer puntualmente desta atención facultativa en franxa matinal, como consecuencia da dificultade de cubrir as prazas vacantes.

Flores lembrou ao alcalde o condicionante actual do paro cero nas especialidades de pediatría e medicina familiar e comunitaria, de tal xeito que a ausencia destes profesionais para contratar supón unha "importante dificultade" para que haxa atención continua neste centro de saúde.

O xerente, segundo trasladan desde o Servizo Galego de Saúde, transmitiulle a Cubela o seu "firme compromiso" de continuar con todas xestións administrativas posibles para acadar "no menor período temporal posible" a cobertura das vacantes médicas no municipio.