Sanidade establece tamén medidas restritivas en Poio e Vilaboa

Vilaboa
11 de setembro 2020

Estes municipios terán que limitar as capacidades ao 50% de ocupación nos establecementos comerciais, de restauración e hostalería; así como a redución do número de persoas asistentes a celebracións, velorios e lugares de culto

Vista aérea de Poio Terras de Pontevedra

A Consellería de Sanidade decidiu este venres 11 de setembro establecer tamén medidas restritivas nos Concellos veciños de Pontevedra, Poio e Vilaboa. A medida tamén se estende a Lalín, A Guarda e O Rosal.

O Subcomité clínico de expertos que analiza a situación epidemiolóxica na comunidade adoptaba esta decisión que supoñerá que estes municipios deberán limitar a capacidade de presenza de persoas un 50% nos establecementos comerciais, de restauración e hostalería, onde ademais quedará prohibido o consumo en barra. Tamén esta medida aplicarase en bibliotecas, academias, autoescolas e centros privados de ensino non regrado.

Tamén se establece a limitación do número máximo de persoas nas reunións tanto privadas como na vía pública fixado nun máximo de 10 persoas. Redúcese o número de persoas asistentes a celebracións, velorios e lugares de culto. Neste caso non poderán superar o 50% da capacidade do salón de banquetes nin o número máximo de 50 persoas para lugares pechados e de 100 persoas en caso de celebración en espazos ao aire libre. Este apartado da norma entrará en vigor a partir do luns e non terá validez para os actos previstos esta fin de semana do 12 e 13 de setembro.

O resto de medidas serán publicadas na tarde deste venres a través do DOG e entrarán en vigor a partir das 00.00 horas da noite deste venres. Nunha semana revisaranse todas estas medidas.