O comité clínico da Xunta de Galicia acordou este martes elevar a Poio ao nivel medio de restricións ante a evolución actual da pandemia.
Esta decisión, con medidas que entrarán en vigor a partir das 0.00 horas do próximo sábado 26 de xuño, supoñerá entre outros aspectos unha redución de aforo en bares e restaurantes, pasando a ser do 30% máximo de ocupación no interior e do 50% nas súas terrazas.
Ademais recoméndase que os grupos de persoas non superen as seis persoas en espazos pechados e as quince persoas en espazos ao aire libre.
Xunto ao concello de Poio mantéñense no nivel medio Castroverde, Camariñas, Malpica de Bergantiños e Cambre, permanecendo o resto de municipios de Galicia no nivel medio baixo.
Segundo informou o Concello, este martes eran 21 os casos activos no municipio, tres máis que a xornada anterior.
A situación epidemiolóxica será avaliada de novo o vindeiro martes 29 de xuño.