A Consellería de Sanidade empezará a próxima semana a vacinar contra a covid-19 á poboación galega do grupo de idade entre os 14 e os 16 anos.
Así o anunciou este mércores o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que compareceu acompañado polo xerente do Sergas, José Flores; a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán; e o membro do comité clínico Pedro Rascado. Deu conta dos acordos do comité clínico de expertos sanitarios que asesora á Xunta da Galicia na xestión da pandemia e avanzou datos da estratexia de vacinación.
Segundo anunciou García Comesaña, esta mesma semana comezaranse a enviar as mensaxes de citación aos menores galegos desta franxa de idade.
Ata o de agora, Galicia administrou un total de 3.802.444 dose das vacinas aprobadas contra a covid-19. Un total de 1.859.569 galegos teñen xa a pauta completa de vacinación e 259.341 teñen a primeira dose.
Esta semana, están a recibir primeiras doses persoas menores de 20 anos e estanse realizando repescas entre a poboación maior de 40 que segue sen vacinar. Para estas repescas, pódese pedir cita de vacinación a través do teléfono 981 215 930. Ademais, avanzou que tamén levará a cabo a vacinación de embarazadas e persoas en situación de risco de exclusión social.
García Comesaña insistiu en que a vacina non é eficaz ao 100% e, por tanto, é necesario seguir tomando medidas de protección e recoñeceu a súa preocupación pola situación dos menores de 20 anos ante o inicio do curso escolar en setembro. Así, sinalou que lle gustaría que o novo ano académico puidese empezar coa poboación escolar vacinada.