O Servizo Galego de Saúde empezará este mércores a administrar a terceira dose de vacina contra a covid-19 nas residencias da área sanitaria de Pontevedra e o Salnés. Despois dunha primeira xornada este martes en Santiago de Compostela, o mércores a vacinación continúa no resto de Galicia e nesta área sanitaria farao en catro residencias.
O director de Enfermaría da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, Juan Vázquez Vilar, explicou este martes que a vacinación á poboación residente en centros sociosanitarios empezará en dúas residencias de Pontevedra, Campolongo e Soremay; a residencia de Vilaboa; e a de Ribadumia no distrito do Salnés.
Nesta primeira xornada do mércores, segundo fontes de coordinación de vacinación covid da área sanitaria, a previsión é inocular doses a 510 usuarios dos centros. Segundo indicou o director de Enfermaría, para o resto da semana aínda non teñen unha planificación.
A Consellería de Sanidade iniciou a inocular as terceiras doses na residencia Porta do Camiño de Santiago.