Sanidade efectuará no centro de saúde de Vilalonga novos cribados preventivos

Sanxenxo
10 de febreiro 2021

Esta iniciativa preventiva coa intención de ampliar a detección da covid-19 terá lugar durante as tardes do xoves e o venres 11 e 12 de febreiro, así como a mañá do sábado 13 de febreiro

As farmacias pontevedresas participan masivamente no plan de cribado Mónica Patxot

A Xunta de Galicia, a través da xestión do Servizo Galego de Saúde, efectuará no centro de saúde de Vilalonga unha nova campaña preventiva con cribados poboacionais con test rápidos de antíxenos cara a detectar o maior número posible de portadores asintomáticos da covid-19.

Esta iniciativa preventiva coa intención de ampliar a detección da covid-19 terá lugar durante as tardes do xoves 11 e o venres 12 de febreiro, ademais da mañá do sábado 13 de febreiro.

Convocarase gradualmente e vía SMS telefónico, á poboación sanxenxina de entre 40 a 49 anos de idade, colectivo que nesta localidade acada arredor de 2.600 persoas.

Este tipo de probas serven para aumentar a detección de casos asintomáticos, así como para precisar as cifras de afectados.

Para este programa de cribados, o Concello de Sanxenxo despregará un operativo especial formado por Policía Local e persoal do servizo municipal de emerxencias para garantir o cumprimento das medidas sanitarias e evitar aglomeracións.

Haberá unha carpa no exterior do centro de saúde con entradas e saídas diferenciadas para que as persoas poidan gardar a súa quenda de forma segura en caso de choiva.

Ademais, desde o Concello recomendan que os veciños e veciñas chamadas ao cribado estacionen na contorna, pero deixando libres os accesos ao centro de saúde.