Sanidade confirma o contaxio por coronavirus de 75 sanitarios, dos que 22 se recuperaron

Pontevedra
16 de abril 2020

Segundo os datos facilitados pola directora de procesos asistenciais da área sanitaria, Sonia Fernández- Arruti  Ferro, 53 casos seguen activos e tres profesionais precisaron un ingreso hospitalario para tratar a enfermidade, aínda que todos eles actualmente recuperados 

Manuel Vázquez Lima, Sonia Fernández-Arruty e José Ramón Gómez, no Hospital Montecelo PontevedraViva

O número de sanitarios da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés contaxiados por coronavirus elévase xa a 75 desde o inicio da pandemia e 53 casos seguen activos a día de hoxe, xoves 16 de abril. 

Segundo os datos facilitados pola directora de procesos asistenciais da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, Sonia Fernández- Arruty Ferro, os outros 22 sanitarios xa deron resultado negativo tras recuperarse da enfermidade e levantáronse as medidas de illamento, de modo que puideron reincorporarse aos seus postos de traballo.

Desde o inicio da pandemia, tres profesionais sanitarios de Pontevedra e O Salnés precisaron un ingreso hospitalario para tratar a enfermidade, aínda que todos eles actualmente recuperados.

Fernández-Arruty explicou, tal e como xa informaran este xoves a área sanitaria, que actualmente hai activos 501 casos de coronavirus e que desde o inicio da pandemia deron positivo un total de 649 pacientes, aínda que os 148 restantes xa están recuperados ou faleceron. 

Das 12 vítimas mortais, tres estaban ingresados no Hospital  QuirónSalud Miguel Domínguez de Pontevedra, un estaba no Hospital  do Salnés e oito no Hospital Montecelo. Estes son os tres únicos hospitais da área sanitaria que recibiron pacientes positivos desde o inicio da pandemia, pois ningún derivouse ao Hospital Provincial.

Este xoves hai 461 pacientes na área sanitaria con sintomatoloxía leve ou que non presentan apenas síntomas, de modo que están a recibir seguimento no seu domicilio por un equipo de profesionais da enfermería e a medicina que "diariamente se poñen en contacto cos pacientes para seguir a súa evolución", segundo explicou a directora de procesos asistenciais.

Ademais, hai 29 pacientes que están ingresados en planta de hospitalización dos tres hospitais da área sanitaria que acollen pacientes con dispositivos e 11, pola súa situación crítica, atópanse na Unidade de Coidados intensivos (UCI). Tan só hai pacientes con coronavirus en dependencias de UCI do Hospital Montecelo.

Desde o inicio da pandemia prescribíronse un total de 136 altas a domicilio.