Sanidade comprométese a garantir a asistencia sanitaria en Caldas durante a tempada de verán

Umia
03 de xuño 2024

O xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores Arias, mantivo unha reunión de traballo este luns no Hospital Provincial co alcalde do Concello de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey

Reunión do xerente da Área Sanitaria co alcalde de Caldas de Reis Sergas

O xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores, comprometeuse a garantir a asistencia sanitaria durante a tempada de verán en Caldas de Reis. Así o transmitiu durante a reunión que mantivo este luns no Hospital Provincial co alcalde do Concello de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey.

Neste encontro de traballo abordaron as distintas cuestións relacionadas coa situación da Atención Primaria desa localidade, fundamentalmente a construción dun novo centro de saúde e a calidade asistencial que se presta na actualidade á poboación.

Acompañado polo director de Recursos Económicos da Área Sanitaria, Vicente García Fernández, o xerente José Flores repasou o proxecto proposto polo Servizo Galego de Saúde para o novo centro de saúde de Caldas, que aínda ten pendente a sinatura do convenio entre ambas administracións.

Pola súa banda, o rexedor caldense acudiu ao encontro co concelleiro de Obras e Infraestruturas, Jacobo Pérez Gulín.

O Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria do Sergas, aprobado no Consello da Xunta de 29 de outubro de 2021, contempla como prioritario na fase 1 a construción dun novo centro de saúde en Caldas para poder adaptar a infraestrutura ao aumento da carteira de servizos.

O obxectivo dese plan funcional é construír un centro moderno e amplo, de máis de 2.800 metros cadrados, o que permitiría importantes incrementos de espazos en todas as áreas.

Para empezar, tería unha sala específica de técnicas, unha sala polivalente e unha consulta para docencia destinada a residentes que se forman nese centro. Tamén se integraría no mesmo edificio a área de fisioterapia e a área da muller, coa consulta da matrona e unha sala de educación sanitaria.

Así mesmo, a nova infraestrutura sanitaria evitaría desprazamentos innecesarios aos pacientes, xa que permitiría ofertar novas prestacións de apoio, que na actualidade reciben no centro de San Roque en Vilagarcía de Arousa.

Neste sentido, se habilitarían espazos para a consulta de Farmacia de Atención Primaria, a consulta de Traballo Social e unha área bucodental con servizos de Odontoloxía e Hixienista Dental.

Por último, melloraría o Punto de Atención Continuada (PAC), co aumento dos espazos de consulta e con salas de tratamentos e de urxencias.