Sanidade cede á presión e permitirá aos menores de 60 anos repetir con AstraZeneca

Pontevedra
20 de maio 2021

Os afectados, preto dun millón e medio de persoas en toda España, poderán elixir completar a súa pauta cunha segunda dose de AstraZeneca ou facelo co soro de Pfizer.  Iso si, para poder recibir a vacina de AstraZeneca haberá que asinar un consentimento informado

Vacina de AstraZeneca Servizo Galego de Saúde

Para o Ministerio de Sanidade a solución óptima para completar a inmunización dos menores de 60 anos, vacinados cunha primeira dose de AstraZeneca, é que a segunda inxección sexa de Pfizer. Así o acredita o estudo realizado en España.

Pero ante as críticas de varias comunidades, entre elas Galicia, as autoridades sanitarias optaron por unha decisión salomónica, segundo explicou a ministra de Sanidade, Carolina Darias, tras a reunión do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde.

Os afectados, preto dun millón e medio de persoas en toda España, poderán elixir completar a súa pauta cunha segunda dose de AstraZeneca ou facelo co soro de Pfizer. 

Iso si, para poder recibir a vacina de AstraZeneca haberá que asinar un consentimento informado. Se non aceptan, inxectaráselles a vacina de Pfizer como estaba previsto.

Deixar esta decisión en mans dos que deben ser vacinados, maioritariamente persoal de servizos esenciais, obedece a circunstancias "excepcionais e extraordinarias". É dicir, non se estenderá a outras situacións. Ninguén máis poderá elixir que vacina ponse.

"Creo que é importante esta decisión, unha das máis difíciles que tivemos que abordar. Pero creo que é unha boa decisión", sinalou a ministra.

Esta medida deberá ser avalada polo Comité de Bioética de España, ao que se lle preguntará se se pode permitir que uns cidadáns poidan elixir que vacina reciben, unha posibilidade que seguirá vetada para o conxunto dos españois.