Sanidade autoriza a vacina de Janssen para a poboación entre 40 e 49 anos

Pontevedra
01 de xuño 2021

A intención é iniciar a vacinación do grupo de idade de 40 a 49 anos, os nados entre 1972 e 1981, cando se complete coa inmunización dos maiores de 50. No caso de Galicia prevese comezar a citar a este novo segmento de poboación a partir da próxima semana

Vacina da covid-19 Servizo Galego de Saúde

A comisión de Saúde Pública, na que están representados o Ministerio de Sanidade e as comunidades autónomas, autorizou ampliar o uso da vacina de Janssen á poboación de entre 40 e 49 anos que serán os seguintes en ser inmunizados.

Aínda que se autorizou esta vacúa monodosis -que ata o de agora se administra aos maiores de 50 e colectivos vulnerables- este colectivo tamén poderá recibir os soros de Pfizer e Moderna, en función da dispoñibilidade de dose que haxa en cada momento.

A intención é iniciar a vacinación do grupo de idade de 40 a 49 anos, os nados entre 1972 e 1981, cando se complete coa inmunización dos maiores de 50.

No caso de Galicia prevese comezar a citar a este novo segmento de poboación a partir da próxima semana, segundo avanzou hai uns días o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.

VACINAS PREVISTAS PARA O MÉRCORES

Desde a xerencia do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra infórmase que a previsión de vacinación da poboación para este mércores 2 de xuño é a seguinte:

- 2.300 persoas convocadas en horario de mañá e tarde, con idades comprendidas entre os 50 e os 59 anos. Esta poboación será vacinada con Pfizer no Recinto Feiral de Pontevedra. 

- Durante a mañá, tamén foron convocadas 300 persoas, maiores de 60 anos, para vacinarse con AstraZeneca no Hospital Montecelo.

- En Vilagarcía de Arousa citouse a 550 persoas convocadas tamén en horarios de mañá e de tarde, con idades comprendidas entre 50 e 59 anos. Serán vacinadas con  Pfizer no Recinto  Feiral de Fexdega.