Sanidade asinou co concello de Meis o convenio que permitirá a construción dun novo centro de saúde

O Salnés
11 de outubro 2022

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e a alcaldesa do concello de Meis, Marta Giráldez Barral, asinaron este martes un convenio de colaboración que regulará a construción dun novo centro de saúde para este municipio pontevedrés

O conselleiro e a alcaldesa de Meis visitaron a parcela onde se construirá o novo centro de saúde Xunta de Galicia

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e a alcaldesa do concello de Meis, Marta Giráldez Barral, asinaron este martes un convenio de colaboración que regulará a construción dun novo centro de saúde.

Durante o acto de sinatura, no que tamén estivo presente o xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores Arias; o titular do departamento sanitario da Xunta agradeceu ao conxunto da corporación municipal a súa axilidade á hora de achegar posibles parcelas para levar a cabo este proxecto. 

Neste senso, Comesaña destacou que a dilixencia municipal "vai permitir acelerar o proceso de construción". Así, tras a sinatura deste convenio, Sanidade comezará a tramitar a encomenda de xestión á Axencia Galega de Infraestruturas co obxectivo de licitar "canto antes" o proxecto arquitectónico do novo centro e, de seguido, licitará a execución da obra. 

A colaboración entre ambas administracións permitirá que o novo centro de saúde de Meis sexa o primeiro dos proxectos en construírse, de todos aqueles que se inclúen na denominada Fase 2 do Plan de Infraestruturas sanitarias da Xunta.

O novo inmoble contará con preto de 1.000 metros cadrados e substituirá as actuais instalacións sanitarias, empregadas durante os últimos 30 anos.

O novo centro de saúde contará cunha sala polivalente que permitirá a realización de técnicas dun xeito máis rápido, ao adaptar os seu espazo ao equipamento co que a Xunta dotou os centros de saúde de Meis durante o ano 2020 (3 electrocardiógrafos, 3 hólters de presión arterial ou 2 espirómetros). Ademais, tamén contará cunha área pediátrica dotada con dúas consultas; e incorporará unha área da muller provista dunha consulta de matrona e unha sala de educación sanitaria.

"Trátase de melloras importantes e que consideramos imprescindibles para dar un servizo de calidade as máis de 4.200 persoas que atenderá este centro de saúde", subliñou o conselleiro, ao tempo que lembrou que o novo edificio mellorará a contorna de traballo dos profesionais que desempeñan o seu labor neste, ao proxectarse un espazo compartido cunha sala de xuntas, e novas consultas e salas con maiores dimensións.