Sanidade ampliará o centro de saúde de Baltar coa construción dunha nova planta

Sanxenxo
21 de outubro 2022
Actualizado: 17:50

400.000 euros prevé investir a Xunta de Galicia nas obras de ampliación do centro de saúde de Baltar, en Portonovo. É unha das partidas que o goberno galego incluíu nos orzamentos de 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no centro de saúde de Baltar Xunta de Galicia

400.000 euros prevé investir a Xunta de Galicia nas obras de ampliación do centro de saúde de Baltar, en Portonovo. É unha das partidas que o goberno galego incluíu nos orzamentos de 2023.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, visitou este venres as súas instalacións para anunciar que esta actuación permitirá dar resposta ás peticións trasladadas polo persoal do centro sobre a necesidade de contar cun maior espazo.

Así, respondendo á idea formulada polo Concello, construirase un novo andar no centro.

Esta ampliación permitirá incorporar cinco novos espazos: unha consulta de enfermaría, unha consulta de traballo social, unha consulta de docencia, unha sala de técnicas e unha sala polivalente.

Ademais, ter máis espazo permitirá reestruturar as estancias existentes para mellorar tanto a prestación asistencial como o entorno de traballo dos profesionais, segundo García Comesaña.

O responsable de Sanidade explicou que, xunto con esta ampliación, o centro de saúde de Baltar verá ampliado o seu cadro de persoal nos próximos días coa incorporación dun novo profesional médico con praza fixa, que vén do proceso selectivo feito pola Xunta nos últimos cinco meses.

"Nun tempo récord de cinco meses resolvemos un proceso selectivo que vai permitir que, neste caso, once profesionais se incorporen cunha praza fixa a centros de saúde da comarca do Salnés, que ademais farán dúas gardas ao mes no PAC, axudando así a resolver os problemas de cobertura", apuntou o conselleiro.

PLATAFORMA EN DEFENSA DA SANIDADE PÚBLICA

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública en Sanxenxo saiu ao paso desta visita do conselleiro o Centro de Saúde de Baltar para sinalar que "estamos moi a favor de que se fagan cribados" e engaden que "sempre e cando despois se traten de forma eficiente e correcta poñendo os medios necesarios". 

Esta Plataforma pregunta ao respecto do cribado neonatal "unha vez diagnosticado e tratado por especialistas, quen vai facerlle o seguimento aos nenos se non hai pediatras nos nosos centros de saúde?" e denuncian que "hai crianzas que están sendo derivados a médicos de familia porque non contratan pediatras" algo que "non é certo xa que na sanidade privada hainos… Por que será?".

En canto ao cribado de cérvix, dan a benvida á mediciña preventiva pero engaden que "o que non dín é que é preferible que a proba a realice unha matrona xa que vai ter maior fiabilidade, fará unha valoración completa especializada e en caso de aparecer algún indicador alterado realizan a citoloxía xa ao momento; tampouco dixeron que recurren ao autocribado porque non hai matronas en todos os Centros de Saúde, de feito, a matrona que temos en Baltar é compartida con outros centros de saúde".

A Plataforma en Defensa da Sanidade tamén fala da ampliación do Centro de Saúde de Baltar dicindo que "fará falta espacio pero este ano o que sobran son consultas baleiras e falta persoal" e asegura que "a maior parte do verán, o Centro de Saúde contou cun máximo de dous facultativos que atendían urxencias e desprazados. O resto da poboación, incluídos crónicos, vímonos totalmente desatendidos" e sinalan que tampouco funcionou o servizo de urxencias as 24 horas.

"O PP só entende de ladrillo e o persoal, se iso, que o paguemos no privado dos nosos bolsillos", remata esta Plataforma.