Sancionan en Sanxenxo a 28 persoas por reunirse na rúa, de madrugada e sen ser conviventes

Sanxenxo
26 de xullo 2021

A Policía Local interpuxo tamén 19 denuncias por celebrar botellóns na vía pública e 6 por festas privadas en domicilios particulares

Inspeccións no lecer nocturno de Sanxenxo Xunta de Galicia

A Policía Local de Sanxenxo interpuxo esta fin de semana un total de 28 denuncias por transitar pola vía pública con persoas non conviventes no tramo horario comprendido entre a 1 e as 6 da mañá. Unha limitación que entrou en vigor o pasado sábado coincidindo co paso de Sanxenxo ao nivel de máximas restricións.

A realización de botellón en distintos puntos do municipio saldouse cun total de 19 denuncias e con posibles sancións que poden alcanzar os 1.000 euros. As festas privadas en piso orixinaron 6 denuncias.

Informan desde o Concello que outros comportamentos incívicos tamén obtiveron resposta por parte da Policía Local que tramitou 3 denuncias por ouriñar na vía pública e 8, por desordes na vía pública (berros na rúa). As máscaras supuxeron un total de 6 denuncias no balance da fin de semana ao non estar garantida a distancia social en ningún dos casos.

O goberno local quere destacar o bo comportamento dos locais hostaleiros en canto ao peche e desenvolvemento da súa actividade con tan só unha denuncia por ocupación excesiva da vía pública coa terraza. Nestes momentos, o aforo na hostalería é do 50% en terrazas e o 30% no interior. O consumo dentro dos locais deberá ir xustificado co certificado de vacinación completado ou unha proba negativa de Covid.