Sancionan a tres locais de lecer nocturno de Vilagarcía por incumprir as normas do estado de alarma

O Salnés
01 de xuño 2020

A Policía Local confirmou o incumprimento da normativa en tres establecementos de diferentes zonas da vila e agora será a Subdelegación do Goberno a que impoña a multa correspondente

Policía Local de Vilagarcía de Arousa Pontevedraviva

Tres locais de lecer nocturno de Vilagarcía foron multados nos últimos días por incumprir as normas de protección contra o coronavirus. A Policía Local vilagarciá foi a encargada de comprobar a desobediencia á normativa do estado de alarma e agora será a Subdelegación do Goberno a que estudará o caso para impoñer a sanción correspondente a cada caso.

Os establecementos atópanse en tres zonas diferentes do municipio e, segundo o  Concello, neles detectáronse comportamentos de especial risco por incumprimento do ditado polo Ministerio de Sanidade para a segunda fase da  desescalada pola pandemia da  Covid-19. 

Co obxectivo de poñer solución ás aglomeracións rexistradas a última fin de semana neste tipo de locais, o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, contactou persoalmente con representantes da asociación de hostaleiros da vila para convocalos a unha reunión que terá lugar o vindeiro mércores.

Desde o goberno local instan a toda a cidadanía a cumprir as normas de seguridade e advirten que un rebrote do virus, ademais de poñer en risco ás persoas, podería obrigar a un novo confinamento para toda a poboación.