Sancionado en Poio por conducir sen carné, provocar un accidente e fuxir do lugar

Poio
25 de febreiro 2024

Minutos despois do sinistro presentouse unha muller que aseguraba ser a condutora do coche e chegou a asinar o parte amigable do accidente, pero a Policía Local rastrexou as inmediacións e localizou ao verdadeiro condutor escondido

Un axente diante da xefatura da Policía Local de Poio Policía Local de Poio

Un home foi denunciado en Poio por conducir sen carné, provocar un accidente de tráfico e, antes de ser identificado, darse á fuga para evitar ser multado.

Os feitos, segundo explicou a Policía Local de Poio, producíronse na rúa Rosalía de Castro, xusto diante da xefatura deste corpo municipal.

O condutor freou de maneira inesperada no centro do carril de circulación e sen ningunha causa aparente, provocando que o coche que circulaba detrás impactase con el, a pesar de que este vehículo dispuña dun sistema de freada de emerxencia.

Os axentes axudaron inmediatamente aos condutores e cando ían identificar ás dúas partes do accidente, o primeiro deles escapou do lugar.

Minutos despois presentouse unha muller que aseguraba ser a condutora do coche e chegou a asinar o parte amigable do accidente, pero a Policía Local rastrexou as inmediacións e localizou ao verdadeiro condutor escondido.

Esta persoa carecía de permiso para conducir turismos, polo que foi denunciado polas autoridades. Ademais, tamén lle propuxeron para sanción por conducir de maneira neglixente e por ausentarse do lugar do accidente sen facilitar os seus datos.

Todo estes feitos quedaron rexistrados nas cámaras de videovixilancia da xefatura.

Ademais, a Policía Local asegura que o infractor faltou o respecto aos axentes e proferiu improperios e ameazas cara a eles relacionadas co suposto posto de traballo que ten como funcionario nun hospital.