San Xulián poñerá fin ao Entroido marinense este domingo

Marín
15 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

O inicio do desfile será na estrada xeral EP-0019 e rematará no adro das festas, onde a organización ten preparado un final de festa con animación musical a cargo do Dúo La Mecánica, ademais de varios sorteos con regalos donados por empresas e comercios  

Entroido de San Xulián Concello de Marín

O Entroido marinense porá o seu punto e final este domingo 17 de marzo coa celebración do desfile na parroquia de San Xulián. A organización corre a cargo da comparsa local Os da Caña e conta coa colaboración do Concello de Marín e a comunidade de nontes de San Xulián.

Será a partir das 16:00 horas cando os participantes irán poñéndose nos seus postos e preparándose para dar comezo o desfile, que dará o pistoletazo de saída a partir das 17:00 horas.

O inicio será na estrada EP-0019, coa finalización no adro das festas, onde a organización ten preparado un final de festa con animación musical a cargo do Dúo La Mecánica, ademais de varios sorteos con regalos donados por empresas e comercios.

No desfile participarán as comparsas locais Os da Caña e Os Paparrulos, así como outras que chegan de diferentes puntos da provincia, como Os Canecos, de Poio: As Sonecas e Os 100Tolos, ambas de Campelo; Os Solfamidas, de Campo Lameiro; Os Miúdos, de Arcade; Las Flores del Carnaval, de Monte Porreiro e Os Retrincos, de Xeve. Tamén estarán a murga As Faltriqueiras, de Bueu e grupos como Amigos dos Rapaces, de Marín; Moreira a Tope, de Soutomaior; Grupo de Carnaval Samieira, A Pandilla de Ponte Caldelas e por último, Os Remolóns, de Vilagarcía.

Desde a organización convidan a todos os veciños e veciñas a participar nunha festa que "organizamos con ilusión e esforzo para aportar ocio e diversión á parroquia" e informan de que estará dispoñible o aparcadoiro de Viñas Blancas, que conta cunha capacidade de arredor de 50 prazas.

Ademais, por se o tempo non acompaña, contarán cunha carpa para poder resgardarse.