A San Silvestre pon a toda Pontevedra a correr

Pontevedra
31 de decembro 2024
Actualizado: 19:35

Os pontevedreses desafiaron ao frío vestíndose de curto e calzándose as zapatillas para participar nesta multitudianaria carreira popular. Búscate na gran galería de fotos

San Silvestre (39)

A Boa Vila vive intensamente na rúa as últimas horas do 2024. Desde ben cedo o centro da cidade foi un fervedoiro de xente apurando as compras e xuntándose cos amigos en bares e restaurantes.

A tradición deste día non se limita á inxesta das uvas ao son das badaladas de medianoite, hoxe en Pontevedra non se pode faltar á San Silvestre que suma dúas facetas que apaixonan na capital: a festa e o deporte.

Os pontevedreses desafiaron ao frío vestíndose de curto e calzándose as zapatillas para participar nesta multitudianaria carreira popular.

E quen non quixo correr non se perdeu o espectáculo de ver ao inmenso pelotón de corredores que tomaron as rúas do centro urbano.

A punto estivo de superar o récord da última edición antes do covid, pero quedou nos 6.531 dorsais repartidos aínda que houbo multitude de corredores que participaron sen estar rexistrados. 

A proba organizada pola Sociedade Ximnástica estreou un trazado de pouco máis de catro quilómetros.

A San Silvestre non ten carácter competitivo pero si solidario. O custo de inscrición era a achega de comida non perecedoira. De modo que nesta proba atlética non importa o cronómetro pero si os quilos, de alimentos.

O outro requisito imprescindible para participar son as ganas de divertirse. Por iso é polo que a maioría dos participantes foron disfrazados e os mellores levaron premio.