San Pedro de Parada estrea unha praza pública entre a igrexa e o cemiterio

Cerdedo-Cotobade
19 de abril 2024

As obras para a creación dunha praza pública en San Pedro de Parada, nas que se investiron uns 49.000 euros, xa están rematadas, segundo informa o goberno municipal de Cerdedo-Cotobade. Esta iniciativa permitiu crear unha praza na entrada da igrexa e do cemiterio

Nova praza pública en San Pedro de Parada Concello de Cerdedo-Cotobade

As obras para a creación dunha praza pública en San Pedro de Parada, nas que se investiron uns 49.000 euros, xa están rematadas, segundo informa o goberno municipal de Cerdedo-Cotobade.

Esta iniciativa permitiu crear unha praza na entrada da igrexa e do cemiterio, nunha zona que é un punto importante de reunión para os veciños, que ata o de agora carecían dun espazo de esparcimento como este.

Dotouse ao lugar dunha praza pavimentada con formigón desactivado. Ademais, fíxose un pavimentado de lastras entorno ao cruceiro existente para aumentar a notoriedade do entorno.

Outras actuacións que se fixeron son a recollida de pluviais, xa que a auga da choiva invadía a estrada e tamén as súas marxes, o que provoca que resultase perigoso circular polos viais anegados e que os peóns acabasen enchoumpados ao ter que camiñar pola zona de charcos.

Ademais, a propia ausencia dun sistema de recollida de pluviais e de drenaxe axeitados provocaba severos problemas na propia igrexa e no cemiterio que durante o inverno aparecían anegados. Dotouse á zona de canalizacións e pozos, de pavimentado e mobiliario urbano.

Tamén se procedeu á instalación de sinalización direccional que axudará especialmente aos que non son oriundos da zona a orientarse e creouse unha illa de contedores cun peche de madeira que os oculta e axuda a reducir o impacto visual que se poida producir na praza.