San Francisco ilumínase polo Día Mundial da Síndrome de Down

Pontevedra
19 de marzo 2021

A iluminación de San Francisco estivo presidida polo delegado da Xunta en Pontevedra, Luis López, que estivo acompañado por integrantes das asociacións que traballan a prol da integración, a inclusión e a mellora da calidade de vida das persoas con Down

Iluminación en San Francisco polo Día Mundial da Síndrome de Down Xunta de Galicia

Ata o próximo domingo 21 de marzo a fachada do convento de San Francisco está iluminada de xeito ornamental para conmemorar o Día Mundial da Síndrome de Down.

Forma parte dunha campaña simbólica na que diferentes monumentos de toda a comunidade acenderon esta iluminación de xeito simultáneo.

A iluminación de San Francisco estivo presidida polo delegado da Xunta en Pontevedra, Luis López, que estivo acompañado por integrantes das asociacións que traballan a prol da integración, a inclusión e a mellora da calidade de vida das persoas con Down.

En decembro de 2011, a Asemblea Xeral das Nacions Unidas designou o 21 de marzo como Día Mundial da Síndrome de Down.

Con esta celebración, o organismo quere xerar unha maior conciencia e lembrar a dignidade inherente, a valía e as valiosas contribucións das persoas con discapacidade intelectual como promotores do benestar e da diversidade das súas comunidades.

Así mesmo, quere resaltar a importancia da súa autonomía e independencia individual, en particular a liberdade de tomar as súas propias decisións.