Na véspera do Día de Todos os Santos a Finca de Briz pasará a ser O Parque do Terror.
Xa comezou a transformación deste espazo para que o 31 de outubro volva ser un día inesquecible en Marín, coa ambientación completa da finca para conmemorar esta Noite de Defuntos nun ambiente de ocio e de espectáculo.
Os operarios da Fundación Juan XXIII xa están a crear as estruturas nas que se montarán os túneles do terror, que xa teñen nome: "Hotel Terror Cañeiro", da Comparsa Os da Caña, e "O Taller Esquecido", do Club Deportivo La Peña.
Este venres, a concelleira de Festas, Marián Sanmartín, fixo pública a imaxe desta nova edición e desvelou algúns detalles da programación que, como outros anos, contará con varias estacións de medo de acceso libre repartidas por todo Briz, e que estarán a cargo das comparsas Val do Lérez, Cor Café e As Sonecas, así como outros colaboradores.
A apertura será ás 18.30 horas e haberá programación e actividades ata ben entrada a madrugada.
Sanmartín recorda que as rutas "terán cola e haberá que esperar", pero asegura que paga a pena desfrutar dos sustos.
A maiores, entre as 19.00 e as 23.00 horas haberá espectáculos na lagoa central, así como postos de comida e ambientación musical.
Para os máis peques da casa e para desfrutar en familia estará habilitada de 18.30 a 22.00 horas a zona do PequeSamaín, con pintacaras, xogos, animación, baile das Zumbis...
O Concello agradece a comprensión polo peche dalgunhas zonas do parque para os labores de montaxe e anima a toda a veciñanza a participar, cos seus mellores disfraces, dunha festa que pon á vila no mapa das festividades de outono de toda Galicia "estamos encantados de que sexa un auténtico referente", dixo a concelleira.