'Salvemos a Fracha' recada fondos para pagar a vía xudicial contra a A-57

Pontevedra
13 de decembro 2014

A loita contra a autovía A-57 vaise dirimir a partir de datas próximas nos xulgados e para poder facer fronte aos gastos que supón esta batalla xudicial a plataforma veciñal recolle donativos e dende esta semana ten á venda 'bonos solidarios'. Por cinco euros, os cidadáns que queira colaborar reciben un bono co texto 'colaboro con Salvemos a Fracha para a paralización da A-57'

Mesa informativa de Salvemos A Fracha na Praza da Peregrina PontevedraViva

A loita contra a autovía A-57 vaise dirimir a partir de datas próximas nos xulgados e para poder facer fronte aos gastos que supón esta batalla xudicial a plataforma veciñal 'Salvemos a Fracha' comeza unha campaña de recadación de fondos. A vía contencioso-administrativa aínda non comezou, pero o avogado do colectivo está a ultimar xa o recurso a presentar contra esta nova obra do Ministerio de Fomento.

Os integrantes da plataforma recollen donativos de todos os cidadáns que quieran axudar na batalla xudicial e dende esta semana teñen á venda 'bonos solidarios'. Por cinco euros, os cidadáns que queiran colaborar reciben un bono co texto 'colaboro con Salvemos a Fracha para a paralización da A-57'. O obxectivo deste colectivo veciñal é, dende a súa constitución, pedir a paralización do proxecto.

Os afectados comezaron o reparto destes bonos aproveitando o acto público realizado na praza da Peregrina para informar sobre o impacto da autovía A-57 no rural de Vilaboa e A Ermida. Explicaron aos cidadáns que os gastos derivados de levar esta infraestrutura á vía contencioso-administrativa resultan elevados e necesitan colaboración da cidadanía para poder facerlles fronte.

Este sábado integrantes da plataforma realizaron unha demostración de cestería coa que pretenden transmitir á cidadanía algunha das costumes e tradicións que "poden ter os días contados se segue adiante esta infraestrutura", pois os cestos realízanse de xeito artesán con follato de millo e as hortas e pequenas plantacións perigan co grave impacto na hidroloxía da zona que pode ter a obra.

Ademais, informaron aos cidadáns a través de paneis informativos sobre o impacto que terá a obra na serra da Fracha tanto a nivel paisaxístico como medioambiental e sobre a verdadeira natureza da autovía, da que explican que é unha "falsa circunvalación". "Véndese aos pontevedreses como a solución ás comunicacións da capital cando para poder acceder a ela terán que desprazarse ata Vilaboa ou A Ermida e non poderán entrar nin saír ao longo dos seis quilómetros de trazado", explican.

Arquivado en