'Salvemos a Fracha' fai unha chamada aos veciños de Pontevedra e Vilaboa para frear o proxecto da A-57

Pontevedra
12 de maio 2014

O colectivo veciñal formado para defender a contorna natural e cultural do monte da Fracha lamenta que o Ministerio de Fomento queira investir máis de 85 millóns de euros nun proxecto que, según entenden, é inútil e innecesario

Representantes de 'Salvemos a Fracha' Diego Torrado

Aplataforma veciñal 'Salvemos a Fracha' convocou unha reunión para o próximo venres 16 de maio ás 20.00 horas na Casa Cultural de Marcón coa intención de analizar con colectivos e veciños da zona afectada os danos que pode chegar a causar o trazado previsto no proxecto da autovía A-57 nas parroquias de Marcón, Tomeza, Bértola e Figueirido.

Este proxecto abrangue dende A Ermida, na estrada de Ponte Caldelas, ata o nó de Vilaboa. Segundo expuxo o voceiro do colectivo, Salvador Calviño, na presentación social de 'Salvemos a Fracha', que se desenvolveu este luns 12, no momento de estudar o proxecto cun técnico encontráronse co impacto medio ambiental que leva consigo para toda a zona e decidiron mobilizarse: "a nosa intención non é cambiar o trazado de sitio senón dicir que non porque este corredor non lle dá servizo a Pontevedra. Están vendéndoo como unha circunvalación pero nós cremos que é un corredor norte-sur que ademais divide as parroquias".

Sinalan que o trazado afecta á ladeira do monte da Fracha cortándoa en dous, nun lado forma un noiro de 60 metros de profundidade e 100 metros de ancho eliminando todos os mananciais que se encontran nese tramo. "Vamos a gastar 84 millóns de euros e dous máis pola seguridade da obra e nos tempos que corren. Parece que a crise non nos ensina nada. Van facer unha obra innecesaria", subliñou Salvador Calviño.

Ángel Bravo, co-autor dun informe sobre os efectos da A-57 no monte da Fracha, sinalou que están sorprendidos polas anomalías que presenta o proxecto: "ÿ bastante anómalo que se elabore un proxecto en 2010, que se inicien as expropiacións en novembro de 2013 e con posterioridade ábrese a exposición pública e o período de alegacións". Segundo indicou esta infraestrutura supoñería unha deterioración irreparable do contorno da Ermida, Pintos, Tomeza, ademais de varias parroquias de Vilaboa, que se verían afectadas pola perda de elementos de interese e da riqueza patrimonial.

Ante esta situación, esta plataforma intenta concienciar os veciños para emprender accións de protesta como a que xa realizaron durante esta fin de semana na Subida Cidade de Pontevedra.

Arquivado en