Salvan un can maltratado en Poio, que estaba con anemia e cheo de parasitos

Poio
25 de setembro 2022

A Policía Local de Poio abriu un expediente ao propietario por infrinxir a lei galega de protección e benestar dos animais de compañía, ao entender que o seu comportamento causou "dor, sufrimento, lesións ou danos" ao can que tiña na casa.

Can con anemia e parasitos rescatado en Poio Policía Local de Poio

Axentes da Policía Local de Poio denunciaron por maltrato e abandono ao dono dun can que atoparon en pésimas condicións no interior dunha propiedade privada do municipio.

O animal, que foi trasladado ao veterinario municipal para recibir atención, estaba cheo de pulgas e de parasitos, segundo informa a Policía Local.

Tras o exame, a clínica veterinaria certificou que había unha "gran falta de coidados" no can, que estaba desnutrido e tiña anemia, unha situación que puxo en risco a súa vida.

Os policías abriron un expediente ao propietario por infrinxir a lei galega de protección e benestar dos animais de compañía, ao entender que o seu comportamento causou "dor, sufrimento, lesións ou danos" ao can que tiña na casa.

Desde a Policía Local de Poio recordan que ter unha mascota implica coidala adecuadamente e proporcionarlle o que precisa, atender ás súas necesidades básicas e velar polo seu benestar.