'Salva vidas, lávate as mans', a mensaxe nos centros sanitarios neste Día Mundial da Hixiene de Mans

Pontevedra
05 de maio 2021

A través de carteis e mesas informativas faise un chamamento aos profesionais sanitarios para evitar e controlar as infeccións a través da hixiene. Coincide este mércores coa xornada das Matronas, día en que se recoñece o seu importante papel na primeira liña de atención

Persoal sanitario no Día Mundial da Hixiene de Mans SERGAS

As infeccións relacionadas coa atención sanitaria, que se denominan IRAS, supoñen unha carga de enfermidade e afectan a pacientes e a sistemas sanitarios de todo o mundo. Por iso, as autoridades sanitarias alertan sobre a importancia da sinxela tarefa de hixienizar as mans nos momentos adecuados e da forma correcta porque permite salvar vidas. 

Con motivo do Día Mundial da Hixiene de Mans, que promove a Organización Mundial da Saúde, a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés puxo en marcha diversas actividades dirixidas a concienciar tanto a profesionais como a pacientes e usuarios dos centros sanitarios.

A través da campaña 'Salva vidas, lávate as mans', as autoridades sanitarias fan unha chamada de atención aos profesionais para que coiden o lavado de mans para previr e controlar as infeccións. Instaláronse carteis, mesas informativas e murais promovendo a hixiene de mans dentro dos centros sanitarios da área.

Os servizos de Medicina preventiva do  Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedar (CHUP) e do Hospital do Salnés avalan a vixencia da súa guía de medidas de prevención da propagación de potenciais infeccións nos centros pertencentes á Consellería de Sanidade. Nesta guía recóllense pautas para realizar o correcto lavado das mans e os momentos adecuados para levar a cabo esa limpeza.

A recomendación á poboación é que se freguen as mans durante un período que vai dos 40 aos 60 segundos con auga e xabón ou cun produto de base alcohólica durante 20-30 segundos, sobre todo no marco sanitario tras ter contacto con pacientes, superficies e obxectos das habitacións hospitalarios, do mesmo xeito que antes de comer e despois de ir ao baño.

Nesta xornada tamén se celebra o Día das Matronas, que recoñece o importante papel que estas profesionais desenvolven en primeira liña de atención.