Os ríos Lérez, Miño e Ulla contan cunha repoboación de 3,65 millóns de xuvenís de salmón desde os últimos vinte anos. A Xunta de Galicia leva a cabo esta iniciativa para fomentar a recuperación da especie, que corría perigo desde a década dos noventa.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, xunto ao tenente de alcalde, Fernando Vázquez; o xefe territorial de Medio Ambiente, José Manuel González, e o persoal da consellería e da piscifactoría autonómica de Carballedo, liberou este luns 28 de marzo un cento de troitas de dous anos de idade e un tamaño de vinte centímetros no río Almofrei en Cerdedo-Cotobade.
De acordo coa información aportada por Luis López, a piscifactoría de Carballedo, dedicada ao Programa de recuperación e conservación do salmón atlántico e de troita común, solta unha media de 160.000 xuvenís de salmón anuais nos ríos da provincia. Outra tarefa realizada foi a comprobación da súa supervivencia grazas ao sistema de marcado e ao labor das estacións de control de peixes migratorios de Ximonde (Ulla), Bora (Lérez), A Freixa (Tea) e Fieira (Miño) e aos puntos de paso nas pesqueiras dos ríos Ulla, Lérez e Miño.
Ademais, no que vai de século recapturáronse máis de 2.000 adultos de salmón marcados, a maioría no mesmo río onde foron soltados. Non obstante, tamén se teñen atopado en puntos moi distantes, como os ríos Eo, Esva ou Bidasoa, ou no propio mar, como na costa oeste de Irlanda, no Mar de Noruega ao noroeste de Islandia e incluso en Groenlandia, a 4.000 quilómetros de Galicia.
López manifestou que "os servizos de protección e preservación da fauna que temos na Xunta de Galicia" son "de primeiro nivel e un motivo para estar orgullosos" debido aos resultados obtidos no Programa de recuperación. O Lérez foi o río que máis exemplares recibiu, ascendendo aos 1,7 millóns de xuvenís de salmón nos pasados vinte anos, seguido polo Ulla con 1,3 millóns e o Miño cos 700.000 restantes.