Saen a licitación as obras da estación de autobuses intermodal

Pontevedra
16 de marzo 2019

As empresas interesadas en realizar esta actuación poden presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 11 de abril

Estación de autobuses Mónica Patxot

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licita as obras de execución da estación de autobuses intermodal de Pontevedra, cun orzamento autonómico de 2,6 millóns de euros.

As empresas interesadas en realizar esta actuación poden presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 11 de abril.

Os traballos prevén unha reforma integral da actual terminal de autobuses, cunha modificación funcional e estética do seu interior e tamén do exterior. No interior construirase unha nova rampla para cumprir coa accesibilidade e disporá dun novo vestíbulo máis amplo e luminoso.

No edificio se inclúe o aillamento do exterior e da fachada en aceiro en cor branco, para ofrecer un aspecto unitario a modo dunha "segunda pel".

O proxecto permitirá a recuperación da cuberta orixinal e tamén se mellorará o illamento e os acabados para dotar o interior do edificio de luz natural.

A contratación da obra segue a tramitación marcada no convenio asinado pola Xunta e o concello para facilitar a intermodalidade na cidade, e que se completará coa adecuación do conxunto formado polas actuais estación de tren e de buses.

O investimento no conxunto intermodal da cidade do Lérez supera os 6,1 millón de euros, asumido un 75% a Xunta, e o 25% o Concello.