O Concello de Marín abre a licitación do proxecto de mellora da zona que conecta a dársena portuaria co Paseo Alcalde Blanco e coa Praza de España.
O Perfil do Contratante xa ten publicados os pregos de licitación para a obra, que dá continuidade a toda a transformación que se impulsou na contorna para achegar o centro urbano e o mar.
O orzamento de licitación é próximo aos 330.500 euros e o prazo de execución dos traballos será de 5 meses.
As empresas que estean interesadas terán ata o 9 de xaneiro para presentar as súas ofertas. Logo serán avaliadas pola Mesa de Contratación.
A parcela serve actualmente como acceso ao paseo marítimo e á propia dársena, que tamén se está recuperando a nivel medio ambiental para poder volver practicar actividades naútico-deportivas nela.
Ademais, serve de entronque co Paseo Alcalde Blanco, reformado hai un par de anos e que revitalizou o seu uso.
Segundo explican desde o Concello, o proxecto pretende "rematar esa unión", despois de que tamén mellorasen a beirarrúa paralela á Escola Naval Militar, ganando un novo espazo para a veciñanza e renaturalizando a contorna máis directa da propia dársena con zonas verdes e mobiliario público novo.
Este gran espazo peonil será de formigón pulido, seguindo a estética do paseo. A actuación incluíuse dentro do Plan de Sostibilidade Turística en Destino que acadou o Concello de Marín, financiado polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia a través dos Fondos Next Generation.