A Deputación de Pontevedra acaba de sacar a licitación as obras de mellora da drenaxe lonxitudinal na EP-0603 Muíño-Campañó, ao seu paso polo concello de Poio, nas que se inviste un orzamento de 168.577 euros.
Estes traballos desenvolveranse nun quilómetro e medio desta estrada, onde se procederá á limpeza de ambas marxes, así como á realización das obras de drenaxe e a execución de muros de contención, no marco do modelo de mobilidade da institución provincial para garantir a seguridade viaria en toda a súa rede de estradas.
Amais da roza e limpeza das cunetas por ambas marxes, noiros e terrapléns, procederase ao levantado do firme para a colocación da nova tubaxe drenante.
Tamén está prevista a execución dun muro de contención de ata 3,5 metros de altura a base de bloques de pedra e dunha cuneta remontable no treito afectado.
As empresas teñen de prazo ata o 5 de abril para a presentación das súas ofertas.