Sábado de reflexión antes da 'gran batalla' electoral do 26M

Pontevedra
25 de maio 2019

Tras quince días de intensa campaña, os candidatos á Alcaldía de Pontevedra tiveron este sábado as súas primeiras horas de descanso. Non poderán relaxarse demasiado, xa que mañá xóganse moito nas urnas, pero polo menos durante unhas horas puideron esquecerse da transcendental xornada que lles espera este 26 de maio

Miguel Anxo Fernández Lores, almorzando con membros da súa candidatura BNG de Pontevedra

Tras quince días de intensa campaña, os candidatos á Alcaldía de Pontevedra tiveron este sábado as súas primeiras horas de descanso. Non poderán relaxarse demasiado, xa que mañá xóganse moito nas urnas, pero polo menos durante unhas horas puideron esquecerse da transcendental xornada que lles espera este 26 de maio.

Cada un deles elixiu un modo diferente para pasar este día, pero a compañía de amigos, familiares e compañeiros do partido foi unha das opcións máis recorrentes, polo menos durante as primeiras horas deste sábado.

Así o elixiron os candidatos de BNG, PP e PSOE, Miguel Anxo Fernández Lores, Rafa Domínguez e Tino Fernández, respectivamente.

Pola súa banda, Luís Rei, Goyo Revenga e Andrés Núñez, alcaldables de Marea, Cidadáns e Compromiso por Galicia, optaron por traballar no seu negocio ou ben dedicando a xornada a tarefas domésticas.

Fernández Lores, que estivo acompañado entre outros por Demetrio Gómez, Anabel Gulías, Alberto Oubiña e Anxos Riveiro, optou por almorzar nun establecemento aberto recentemente na Praza dos Maios. O resto da xornada, segundo o seu equipo, pasarao en casa, en compañía da súa familia e dalgunha das súas tres netas.

A zona da Ferrería foi o lugar elixido, mentres tanto, polo candidato do PP. Rafa Domínguez estivo arroupado por compañeiros de partido como Ana Pastor, Alfonso Rueda e José Benito Suárez Costa. Ademais, tamén lle acompañaba a súa esposa e o seu fillo, co que mesmo estivo a xogar coa pelota nas inmediacións do edificio sindical.

Rodeado de compañeiros tamén estivo Tino Fernández, no seu caso na Verdura. Ata alí acudiron, entre outros, Iván Puentes, Marica Adrio ou Yoya Blanco, para almorzar xunto ao candidato socialista que aproveitará o resto do sábado para descansar en casa.

No seu domicilio tamén puidemos ver ao candidato de Marea, Luís Rei, que aproveitou esta xornada de reflexión para retomar tarefas de mantemento en casa. En concreto, quixo cortar o céspede do seu xardín. 

Pola súa banda, Goyo Revenga optou por manter a súa rutina laboral e acudiu á súa óptica para traballar durante toda a mañá atendendo aos seus clientes habituais. Xa pola tarde, segundo traslada o partido, descansará en compañía da súa familia.

Traballar, pero neste caso na súa horta de San Andrés de Xeve, foi a opción elixida por Andrés Núñez Rajoy, o candidato de Compromiso por Galicia. Durante a campaña recoñecía que a tiña "algo abandonada ", polo que quixo dedicar tempo ao seu coidado.