Sábado 30 de novembro, data para iniciar o Nadal na Praza do Mosteiro de Poio

Poio
09 de novembro 2024

Nestas festas, o Concello anuncia a continuidade das Aldeas de Nadal, a carpa Poio Máxico e actuacións itinerantes, ademais de sorpresas na programación

A Praza do Mosteiro de Poio acollerá o inicio das festas de Nadal Concello de Poio

O Concello de Poio xa ten data para dar comezo ás celebracións do Nadal, que se inaugurarán o sábado 30 de novembro na Praza do Mosteiro.

O evento contará con música, animación e a tradicional conta atrás para o acendido das luces, marcando o inicio dunha tempada cun programa de actividades para todos os públicos.

Tras o éxito acadado o ano pasado, segundo o goberno local, continúa a aposta polas Aldeas de Nadal e a carpa Poio Máxico.

Estes espazos servirán como puntos de encontro e dinamizarán a vida nas diferentes parroquias do municipio.

As Aldeas estarán situadas na contorna dos muíños de Samieira, no parque de Lourido, no Adro de San Salvador, na Praza da Chousa de Combarro, no porto de Raxó, na Praza da Granxa de Campelo e na contorna da Igrexa de San Martiño.

A carpa Poio Máxico instalarase de novo na Seca, prometendo novidades e elementos diferenciadores respecto ao ano pasado.

A programación, que se dará a coñecer nas próximas semanas.incluirá sorpresas e actuacións atractivas tanto para grandes como para pequenos, que se anunciarán nos vindeiros días, segundo indican desde o Concello.

O goberno local quere promover a actividade festiva en todas as parroquias do municipio.