Diversos estudos indican que o sedentarismo aumenta o risco de padecer cancro de colon e de mama entre un 20 e un 25 por cento. E precisamente nesta data do 31 de marzo, na que se conmemora o Día Mundial contra o Cancro de Colon, a delegación en Pontevedra da Asociación Española contra o Cancro (AECC) presentaba, co apoio da Concellería de Deportes, Actividade Física e Saúde, o seu novo programa de Rutas Saudables.
O vindeiro 12 de abril comezarán estes percorridos a pé, unha iniciativa aberta a toda a poboación e que nace co obxectivo de combater o sedentarismo a través de camiñadas ao aire libre pola contorna natural da Xunqueira de Alba. Os itinerarios a pé, que se integrarán no proxecto do MetroSan impulsado polo Concello de Pontevedra, sairán desde as Ruínas de Santo Domingo e desenvolveranse cada semana en tres grupos distintos: o do luns con saída ás 11:00 horas, o dos mércores ás 17:00 horas e o dos xoves ás 11:00 horas.
Na presentación destas Rutas Saudables, a presidenta da AECC de Pontevedra, Carmen Abeledo, incidía na importancia de incorporar pequenos hábitos á vida diaria para ir rachando co sedentarismo como factor de risco para o desenvolvemento de varios tipos de cancro, ademais doutras enfermidades. Neste sentido, o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández incidía en que con esta iniciativa queren transmitir á cidadanía que "adicarlle unhas horas á semana a facer exercicio, no fondo é gañar anos de vida e mellorar a saúde, incluso tamén dende un punto de vista psicolóxico".
A presidenta da AECC tamén lembrou que a Organización Mundial da Saúde recomenda que as persoas adultas "dediquen cando menos 50 minutos semanais a realizar exercicio físico moderado" e que este tipo de actividades "axudan a mellorar a flexibilidade e a forma física" e, ao realizarse en grupo, "sempre resulta máis fácil e motivador".
Pola súa banda, a responsable do programa, Rebeca Castro, dende o departamento de Atención Psicolóxica, Voluntariado e Prevención da AECC, explicaba que esta proposta inaugural de Rutas Saudables prolongarase "durante 20 semanas", xa que "queremos fomentar a actividade física periódica", comezando con "grupos de cinco persoas ata que as restricións sanitarias permitan incrementar o número de participantes". Para motivar aos participantes, "contaremos cun pasaporte de rutas que se irá selando e, cando acaben 16 das 20 saídas, un 80 por cento, terán unha recompensa. Están abertas a calquera tipo de persoa, sen límite de idades, pero queremos implicar a esas persoas máis sedentarias e, por iso, imos valorar que rematen a actividade", expoñía Castro.
Cada semana os grupos percorrerán unha distancia aproximada de 5 quilómetros, camiñando ao aire libre polas marismas de Alba. A duración prevista para estas rutas semanais é de aproximadamente unha hora e media e serán guiadas sempre por un voluntario. A iniciativa ten carácter gratuíto, con prazas limitadas, e estará aberta a todas aquelas persoas que queiran iniciarse nunha actividade beneficiosa para a súa saúde. As inscricións poden facerse a través do teléfono da AECC-Pontevedra (986 86 52 20) ou do enderezo de correo electrónico pontevedra@aecc.es.