O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou este martes o Concello de Cotobade, para coñecer de primeira man varios investimentos realizados polo Goberno galego na parroquia de Caroi.
Rueda destacou a aposta da Xunta polo rural e asegurou que o Goberno seguirá investindo nel "para que todos os galegos, vivan onde vivan, poidan dispoñer dos mesmos servizos e oportunidades ".
O vicepresidente e o alcalde da localidade, Jorge Cubela supervisaron a rehabilitación da casa escola da parroquia que se transformou nun local social para o uso de todos os veciños, que agora poden realizar neste inmoble actividades de ocio, obradoiros, e cursos de formación, entre outras.
Tamén o ano pasado Cotobade recibiu unha achega de 60.000 euros a través do Plan Marco de mellora de viais municipais da Xunta que, entre outras accións, servirá para mellorar os núcleos de Cimadevila, ensanche da Igrexa e A Costa, na parroquia de Caroi.
No tocante ás telecomunicacións, colocáronse antenas receptoras de TDT en varias vivendas en Caroi, que carecían deste servizo; e este semestre estará operativa unha torre de telecomunicacións, que permitirá incrementar a cobertura de Internet, atendendo a unha petición histórica dos veciños.