Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta de Galicia, visitaba este sábado Marín e alí amosaba a súa preocupación polo incremento de casos covid en Galicia, que xa se atopa por riba do milleiro nesta xornada, con incremento de positivos en todas as áreas sanitarias da comunidade.
"Non podemos esquecer que o virus segue circulando. Sería un erro pensar que o que sucede noutros lugares non nos vai afectar a nós", apuntou o representante do executivo galego para engadir que hai imaxes de xente que parece esquecer esta circunstancia. Engadiu que o goberno autonómico espera que non se rexistre outra repunta en Galicia "pero xa estamos vendo o que sucede noutros sitios" en referencia aos incrementos masivos de casos noutros países como Rusia, Turquía, Gran Bretaña, Austria ou Alemaña.
Neste sentido mostrouse satisfeito polo moi alto índice de vacinación que se rexistra nas provincias galegas, pero insistiu en que a poboación aínda continúa en situación de risco.
Por este motivo, avanzou que a Xunta de Galicia solicitará "inmediatamente" ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que autorice a petición do certificado de vacinación a aquelas persoas que vaian a acompañar a pacientes que se atopen ingresados nos hospitais galegos, unha proposta que foi aprobada polo subcomité clínico nas últimas horas para evitar contaxios nos centros hospitalarios. O vicepresidente móstrase confiado en que, como en ocasións anteriores, o Tribunal apoie esta decisión.
Insistiu na importancia de que a poboación continúe extremando as precaucións co uso de máscara en espazos interiores e naquelas situacións nas que non se garanta a distancia de seguridade.