Rueda recorda que a adhesión a Sogama é "voluntaria" e culpa ao Goberno central do aumento do canon

A Lama
13 de setembro 2024

Durante unha visita á planta de transferencia de residuos que Sogama ten na Lama, Rueda lembrou que dos 42 euros por tonelada nos que aumentará este canon, a administración autonómica asumirá, un 60%, ata os 24 euros

Visita de Alfonso Rueda á planta de transferencia de residuos da Lama David Cabezón / Xunta de Galicia

A Xunta de Galicia reunirase a próxima semana coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para explicar aos concellos como lles transferirá os fondos para facer fronte ao aumento do canon de Sogama.

Durante unha visita á planta de transferencia de residuos que esta sociedade ambiental ten na Lama, Rueda lembrou que dos 42 euros por tonelada nos que aumentará este canon, a administración autonómica asumirá, un 60%, ata os 24 euros.

"A Xunta estará unha vez máis cos seus concellos", asegurou o presidente galego, que achacou de novo a subida deste canon pola xestión dos residuos aos novos impostos e ás bonificacións "eliminadas polo Goberno central sen previo aviso".

Son medidas que, segundo subliñou o titular da Xunta, "repercuten no custo do servizo e o encarecen", entendendo que os municipios "non poden asumir en solitario esas subidas".

O dirixente autonómico, que na súa visita estivo acompañado da titular de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, lembrou que a adhesión a Sogama "é voluntaria" e que o sistema implantado en Galicia "segue sendo dos baratos de España e dos que mellor funcionan".

A planta "de última xeración" para a transferencia de residuos que Sogama ten na Lama presta servizo desde hai nove meses aos municipios pontevedreses da Lama, Cerdedo-Cotobade, Fornelos de Montes e Ponte Caldelas.

Na súa construción investíronse 1,8 millóns de euros e, segundo destacou Rueda, ten capacidade para tratar máis de 8.600 toneladas de residuos ao ano.

Estas instalacións forman parte da rede de infraestruturas de valorización da materia orgánica posta en marcha polo goberno galego, que inclúe catro plantas de biorresiduos en Cervo, Cerceda, Verín e Vilanova de Arousa e trece plantas de transferencia de apoio.

"Seguimos traballando para que esa Galicia bonita tamén no medio ambiente sexa cada vez unha realidade máis forte", sinalou o titular da Xunta, que apelou ao traballo conxunto cos concellos para lograr unha xestión "responsable" en materia de residuos.