Rueda ofrece a súa "experiencia e traballo" na entrega 2.808 firmas para presidir o PP de Pontevedra

Pontevedra
04 de agosto 2021

O comité organizador da elección proclámao como único candidato, xa que ninguén máis optou ao cargo no prazo marcado polos estatutos

Entrega de sinaturas de Alfonso Rueda no proceso para presidir o PP provincial Partido Popular de Pontevedra

Alfonso Rueda seguirá sendo presidente provincial do Partido Popular, ao ser designado como único candidato por non optar ninguén máis ao posto dentro dos prazos marcados polos estatutos da organización.

Agora someterase á aprobación do congreso provincial do PP que se celebrará o próximo 18 de setembro.

Este mércores pechou o prazo de presentación de candidatos, comparecendo Rueda co apoio das 2.808 sinaturas de militantes recibidas, un amplo apoio ao que mostra "orgullo e agradecemento".

"En todos estes anos cambiaron moitas cousas, pero o que non cambiaron son as nosas conviccións, as nosas ganas de traballar pola provincia e polos concellos, e tampouco variou a nosa ilusión por este partido", sinalou o candidato lembra o proceso de renovación iniciado en 2016 que supuxo "un traballo de fondo que tivo na última convocatoria electoral, as autonómicas hai un ano, un importante resultado que tentaremos trasladar en dous anos aos 61 concellos da provincia".

Ese será o primeiro reto do dirixente no seu novo mandato no PP provincial, tentar aumentar os apoios nos próximos comicios locais. Unha cita para a que "ofrezo experiencia, responsabilidade e unidade para superarnos e aumentar os Gobernos fortes e estables que hai na provincia", defende Alfonso Rueda.