Rueda non asistirá á reunión cos alcaldes e considera que o seu manifesto sanitario é "puramente político"

Pontevedra
19 de xaneiro 2023

Alfonso Rueda entende que os rexedores locais fixeron un manifesto "puramente político" no que só esixen responsabilidades ao Goberno autonómico. "Nós temos responsabilidades pero o Goberno central tamén: isto non se pode entender como un problema político", dixo

Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia Xunta de Galicia

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda non asistirá a próxima semana á reunión cos alcaldes do distrito sanitario e será o conselleiro, Julio García Comesaña, quen expoña "todo o que está a facer a Xunta".

Alfonso Rueda entende que os rexedores locais fixeron un manifesto "puramente político" no que só esixen responsabilidades ao Goberno autonómico. "Nós temos responsabilidades pero o Goberno central tamén: isto non se pode entender como un problema político", dixo.

REFORZOS COS MIR

Rueda tamén valorou a proposta para a área de Pontevedra-O Salnés, de botar man de médicos internos residentes (MIR) de cuarto ano para que poidan pasar consulta nun punto de atención continuada (PAC) e un centro de saúde, serán "de último ano e estarán supervisados por xente con moita máis experiencia", ademais de que se suplirá a diferenza salarial correspondente.

Alfonso Rueda defendeu a proposta sobre a base de que "se non hai médicos, haberá que buscar fórmulas dentro do requisito irrenunciable de manter garantías na atención sanitaria". "Buscar fórmulas que axuden a paliar a carestía" de médicos, completou.

O presidente da Xunta asegurou que estes reforzos que farán os MIR de cuarto nos PAC serán unha "medida localizada en Pontevedra", onde actualmente hai "pouca cobertura de médicos" facendo fincapé en que "o 95% dos PAC de Galicia non teñen problema de cobertura", pero "no 5% restante" a Consellería de Sanidade ten "a obriga" de buscar solucións.

O presidente do executivo autonómico saíu ao paso das críticas dos propios facultativos e tamén ás feitas polos alcaldes da comarca de Pontevedra, afirmando que "temos que respectar todas as opinións" pero que se fará o que a Xunta considere necesario para manter esa "calidade mínima" na asistencia.

PACIENTES CRÓNICOS NO RURAL

O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, informou este xoves do "acordo importante" aprobado no Consello da Xunta para a posta en marcha de 35 novos equipos de enfermería que se desprazarán polas zonas rurais e semirruais para atender a domicilio pacientes crónicos. 

Rueda precisou que estes novos equipos estarán integrados por un total de 70 profesionais de enfermaría, que realizarán visitas de "xeito proactivo" para o seguimento de pacientes que están inmobilizados na casa "e así detectar a tempo calquera problema tanto clínico como social". Estes profesionais contarán cun vehículo propio e darán apoio aos centros de saúde nos que van actuar.

Na rolda de prensa posterior ao Consello, o presidente galego explicou que esta medida adóptase no marco das actuacións para reducir as listas de espera, un plan que foi avanzado tras a reunión do Goberno da semana pasada. Conta cun orzamento de 3,3 millóns de euros.