Alfonso Rueda, vicepresidente primeiro da Xunta, espera que o Estado aplique de maneira "inmediata" as bonificacións da AP-9 anunciadas este luns pola ministra de Transporte. O representante autonómico lembrou que estas medidas foron anunciadas en outubro e que os galegos pagan as peaxes máis caras de España.
Considera "completamente insuficiente o 20% de desconto para o tráfico pesado" e por este motivo, o vicepresidente da Xunta lamenta que non se atendan as demandas do sector do transporte que reclamaba unha bonificación do 60%.
Rueda asistía este luns ao acto da Coruña en que se presentaban as medidas do Goberno do Estado para rebaixar as peaxes e sinalou que o prezo das autoestradas estaba a se converter nun problema para familias, traballadores e empresas.
CONCELLO DE PONTEVEDRA
No acto coincidiu coa alcaldesa en funcións de Pontevedra, Eva Vilaverde. Desde o Concello consideran que estes anuncios realizados polo Goberno estatal son un avance significativo.
Anabel Gulías, portavoz municipal do Concello, manifestaba que consideran que se trata dun primeiro paso nunha reivindicación histórica de Pontevedra e Galicia. Entenden que se trata duns avances "valorables" á espera de que continúen traballando na gratuidade da peaxe da AP-9.