Rueda esixe no Parlamento de Galicia ao Goberno de Pedro Sánchez garantías xurídicas para a continuidade de Ence

Pontevedra
26 de maio 2021

O vicepresidente primeiro lamentou durante a sesión deste mércores que o Executivo central careza dunha solución á crise nin unha folla de ruta que garanta o futuro da actividade da fábrica pasteira. Alfonso Rueda afirmou que a presión exercida pola Xunta permitiu modificar o artigo da Lei de Cambio Climático que, segundo asegura, poñía en perigo a actividade empresarial no litoral galego

Fábrica de Ence en Lourizán Mónica Patxot

Alfonso Rueda, vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia, esixía este mércores no pleno do Parlamento de Galicia que o Goberno central ofreza garantías que aseguren o mantemento do emprego da empresa pasteira Ence en Pontevedra.

O executivo galego entende que o goberno de Pedro Sánchez carece de solucións e non ofrece unha folla de ruta que garanta o futuro da actividade industrial desta fábrica.

O Grupo Parlamentario Popular de Galicia realizara unha pregunta na sede parlamentaria sobre as previsións da Xunta en relación á garantía do emprego e produción de Ence. Alfonso Rueda acusou o Goberno do Estado de poñer en perigo a máis de 5.100 postos de traballo e de mirar para outro lado ante o risco do futuro da industria galega cando se tramitou a Lei de Cambio Climático, ademais do recurso que pende sobre a prórroga da actividade da empresa situada na ría de Pontevedra.

O vicepresidente autonómico afirmou que a presión exercida desde a Xunta foi a que permitiu que se aceptase no Senado unha emenda á Lei de Cambio Climático que modificaba o artigo que, segundo a Asesoría Xurídica da Xunta, era inconstitucional e poñía en perigo a actividade marítima e industrial no litoral da comunidade.

Rueda sinalou que o mes pasado había mantido un encontro cos responsables do Ministerio para a Transición Ecolóxica e, segundo asegura, "o Goberno non ten nin unha solución á crise nin unha folla de ruta que garanta o futuro da actividade" no caso de que a sentenza anule a prórroga concedida polo goberno de Mariano Rajoy para que Ence permanecese en Lourizán.

Ante esta situación, desde a Xunta esixe ao Executivo central que ofreza certezas para despexar as dúbidas sobre o futuro laboral da fábrica e garantías xurídicas que aseguren a continuidade de Ence en Pontevedra. O representante da Xunta tamén afirmou que a mesa de diálogo convocada polo Goberno central con todas as partes foi un "paripé", porque non volveu haber movementos para adoptar decisións sobre a factoría.