A celebración da LIII Festa do Carneiro ao Espeto de Moraña contou este domingo 31 de xullo coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, que lembrou o potencial destes eventos gastronómicos para impulsar o turismo en todos os lugares de Galicia a través de ofertas culinarias.
O Carneiro ao Espeto é unha Festa de Interese Turístico de Galicia desde hai vinte anos. Rueda destacou que desde a creación desta conmemoración no ano 1969 continúa crecendo grazas á implicación da poboación máis nova e da participación veciñal do municipio.
Aludiu tamén a que, no ano Xacobeo, este tipo de acontecementos relacionados coa gastronomía tradicional supoñen un atractivo máis para os visitantes que chegan a Galicia para coñecer a súa paisaxe e o seu patrimonio. O presidente da Xunta recoñeceu a calidade da oferta culinaria de Moraña e mantivo un encontro cos organizadores do evento.
Rueda estivo acompañado durante a visita polo alcalde José Cela e a ex alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro.