Ata Cambados foi este luns o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, para defender a nova lei galega do litoral. Fíxoo tras visitar as instalacións de Mariscos Daporta, no porto de Tragove, xunto ao conselleiro de Mar, Alfonso Villares.
Rueda destacou que a normativa aprobada por Galicia dá seguridade ás empresas da cadea mar industria, un sector que xera 9.000 millóns de euros ao ano, que supón o 5% do PIB galego e que conta cuns 40.000 empregos directos.
Esta lei autonómica, segundo o presidente galego, ofrece "garantías xurídicas" a unhas 4.000 edificacións, entre empresas, vivendas ou centros de saúde, presentes no litoral galego e que a actual lexislación estatal "poñía en risco".
Sostivo que o obxectivo desta nova lei é "garantir o equilibrio" entre a conservación do litoral e as actividades estratéxicas que se desenvolven en territorio marítimo.
Nesta liña, Alfonso Rueda remarcou que tanto a administración galega como o propio sector "son os primeiros interesados en preservar e mimar o entorno".
"Aquí en Galicia queremos seguir vivindo do mar e coidando do mar", afirmou Rueda, que considera que "é posible" manter actividades craves desde o punto de vista socioeconómico e que estas se desenvolvan de forma "totalmente sostible".
O presidente da Xunta insistiu en que un sector tan vinculado ao tecido produtivo galego precisa "garantías e estabilidade", algo que non ofrece a actual normativa de Costas do Goberno.
A lei estatal, denunciou o titular do goberno galego, é "moi restritiva e contraria aos intereses de miles de postos de traballo e moitisimas empresas", ao buscar que o litoral quede libre de calquera actividade "sen ter en conta a realidade de cada territorio".
"Non ten sentido unha norma que trata a todo o litoral de España por igual", concluíu Rueda, que defendeu que Galicia "vive do seu mar coidando do seu mar".