Alfonso Rueda, presidente en funcións da Xunta de Galicia, inauguraba este martes 12 a ampliación de Centro Integrado de FP Carlos Oroza, situado na avenida de Montecelo.
Nesta obra investíronse 2,7 millóns de euros para un espazo que conta con mil metros cadrados con tres plantas na que se sitúan aulas como a de emprendemento, a de enoinmérsica ou a de xestión de aloxamentos turísticos. Conta tamén con vestiarios, espazos administrativos e un viveiro de empresas.
As obras tamén melloraron 500 metros cadrados do outro edificio para manter este centro como referente nacional e internacional, explicou Rueda durante a súa intervención tras unha longa visita por distintos espazos do recinto que se presentan como máis confortables e sostibles desde o punto de vista enerxético e educacional.
Esta ampliación permitiu crear dúas novas clases de FP Básica de Cociña e Restauración; novas aulas do ciclo superior de Catas e de Xestión de Aloxamentos Turísticos; ademais de mellorar a accesibilidade ao centro.
O presidente autonómico acudía acompañado polo conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e polo presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López. Eran recibidos polo director do Carlos Oroza, Manuel Hermo, que lles convidou a probar un dos proxectos innovadores nos que traballa o alumnado: unha máquina expendedora de comida saudable.
Rueda e o conselleiro probaban un prato de chocos con arroz procedentes desa máquina que é unha iniciativa na que están a traballar co obxectivo de que estea desenvolta plenamente a finais de curso coa presenza de pratos como lacón con grelos ou bacallau á mariñeira, entre outros. Segundo indican desde o centro, varias empresas xa se interesaron por este orixinal proxecto.
Durante a súa intervención final, o presidente do executivo galego manifestaba a importancia deste espazo qie forma parte da "revolución silenciosa" ao duplicarse o número de persoas matriculadas en FP en Galicia durante a última década.
Tamén destacou o traballo que se realiza neste centro para formar na "industria da felicidade" en referencia ao sector turístico lembrando que durante 2023 visitaron Galicia sete millóns de persoas e que este ano o obxectivo é consolidar esas cifras.
Neste sentido, tamén indicou que, tras manter conversacións na xornada do luns con representantes da agrupación industrial do turismo, as expectativas de turismo para Semana Santa en Galicia son "bastante boas", malia que este ano se celebra a finais de marzo e que as condicións meteorolóxicas influirán nas reservas de última hora.