O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, adiantou que o Consello da Xunta aprobará este xoves o proxecto da Lei do litoral para "adaptar a conservación do medio ambiente á realidade de Galicia".
O Goberno central presentou alegacións ao considerar que a norma invade competencias estatais.
Rueda fixo este anuncio durante a súa participación no xantar-coloquio do Foro Empresa Pontevedra da I Xornada Triple Hélice, no Liceo Casino de Pontevedra.
Antes de acudir ao Liceo Casino Rueda mantivo un encontro co presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, co candidato do PP á alcaldía da cidade, Rafa Domínguez, a secretaria xeral local e número 2 da súa candidatura, Pepa Pardo, e membros do seu equipo, cos que se reuniu no café Savoy.
Despois, na súa intervención no foro, o titular do Goberno galego incidiu en que "traballar a prol da sustentabilidade é garantía de futuro" e que nese obxectivo deben coincidir tanto as empresas como as administracións e a sociedade en xeral.
O mandatario galego invitou as administracións a "predicar co exemplo" e aplicar a sustentabilidade na xestión ao entender que "a estabilidade, a planificación e o rigor son as mellores receitas contra a incerteza e a improvisación".
Asegurou que ese modelo de xestión é o que interesa a inversores. "A sustentabilidade ten que empezar por un mesmo", subliñou.
Alfonso Rueda amosouse convencido de que esa é a mellor fórmula para atender ás persoas "sen deixar a ninguén atrás" e para axudar ás empresas.
O presidente da Xunta salientou que o coidado do medio ambiente está tamén detrás da futura Lei de recursos naturais, concibida coa intención de que os beneficios que xeren as materias primas teñan un impacto directo positivo no territorio e na cidadanía.
No referente as infraestruturas, recordou que as demandas de Galicia van neses mesmo camiño, tendo en conta que "nada hai máis sostible que o transporte ferroviario".