Rúas e prazas baleiras: os pontevedreses confínanse para loitar contra o coronavirus

Pontevedra
14 de marzo 2020

Este primeiro sábado de aplicación das medidas da Xunta de Galicia de peche de todos os negocios de atención ao público excepto os que venden alimentos e produtos de primeira necesidade mostrou rúas practicamente baleiras e prazas sen rastro de presenza humana 

Rúas e prazas de Pontevedra este sábado 14 de marzo pola alerta do coronavirus Diego Torrado

As rúas e prazas de Pontevedra presentan este sábado unha imaxe inusual. A diferenza de calquera outro fin de semana, este primeiro sábado de aplicación das medidas da Xunta de Galicia de peche de todos os negocios de atención ao público excepto os que venden alimentos e produtos de primeira necesidade está a deixar rúas practicamente baleiras e prazas sen rastro de presenza humana. 

Si se puido ver bastante circulación de persoas nas inmediacións de supermercados e outros negocios de venda de alimentos como panaderías, froiterías, peixarías, carnicerías ou o propio mercado de abastos, pero no resto da cidade apenas se rexistrou presenza de cidadáns. 

Prazas como a céntrica da Ferrería ou todas as rúas do centro histórico estiveron desertas e a escasa circulación de persoas concentrouse noutras zonas de concentración de actividade comercial como Benito Corbal, onde hai varios negocios de venda de alimentos de primeira necesidade. O interior dos establecementos abertos si deixou unha imaxe contrario, totalmente cheos de xente que se lanzou a mercar producos.

Púidose ver a algunhas persoas paseando, pero sempre respectando as distancias de seguridade, aproveitando a últimas oportunidade de libre desprazamentos previas á aplicación do estado de alarma aprobado polo Goberno do Estado, que  restringue os movementos da poboación excepto para adquirir  produtos de primeira necesidade, acudir ao centro de saúde ou ao traballo. 

Desta forma, a inmensa maioría dos pontevedreses optou por confinarse voluntariamente na casa antes mesmo de que o ordenase o Goberno, seguindo as indicacións das autoridades sanitarias e políticas, que indican que o combate do coronavirus require da implicación de toda a poboación, que se extremen as medidas de hixiene e que se opte por permanecer en casa.

Durante toda a xornada si foi habitual a presenza de axentes das policías Local e Nacional, que percorreron a cidade para controlar o cumprimento das restricións de apertura ao público de comercios non autorizados.