Roza selectiva polo río Gándara para previr inundacións

Pontevedra
19 de setembro 2023

Os traballos enmárcanse nas actuacións de mantemento que se veñen realizando nas áreas con risco potencial de inundacións e continuarán polos treitos interurbanos dos ríos Rons e Cons      

Traballos de roza e retirada de maleza no río Gándara (Pontevedra)

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de conservación e limpeza nos treitos interurbanos de tres ríos, no concello de Pontevedra.

Estes traballos están a comezar polo río Gándara e continuarán polos treitos interurbanos dos ríos Rons e Cons.

As intervencións céntranse na roza selectiva e na retirada de árbores e pólas caídas na canle para evitar atoamentos.

Trátase de tarefas de mantemento que se realizan periodicamente nas áreas con risco potencial significativo de inundacións.

Os treitos interurbanos nos que se están levando a cabo estas tarefas suman unha lonxitude total de máis de 2,2 km. 

Unha vez finalizadas estas actuacións, os ríos quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial da zona Galicia-Sur e nas súas zonas de acceso e protección.